Fóra do tempo

Músicas doutrora para ouvidos contemporáneos

 


 

CARTAZ_copia.jpg

Un programa do grupo Pres de Cambrai, que explora nos aspectos máis intemporais da música como disciplina artística. Da man de músicos e músicas con longa traxectoria na intepretación de música antiga faremos unha viaxe no tempo, que nos permitirá escoitar melodías compostas nos séculos centrais da Idade Media e primeiro Renacemento, á luz da música contemporánea. Lonxe do concepto de fusión ou da simple experimentación o grupo parte de pezas compostas hai máis de 500 anos, que serán interpretadas conforme a técnicas e instrumentacións de época, para seren inmediatamente retomadas no contexto dunha estética decididamente contemporánea. Establécese así un xogo no que, delicadas pezas que se converteron en fitos da música occidental, se impregnarán, da man do pianista de jazz e compositor, Pablo Seoane, doutras sonoridades a través de arranxos para piano preparado. Un xogo de transfiguración musical que escapa da frivolidade do obvio e previsible, con total respeto a un legado musical que se nos revela de novo, como ouvintes privilexiados da contemporaneidade. A estética musical personalísima de Pablo Seoane ao piano, enfróntase e contrasta cunha buscada sobriedade, frescura e viveza na interpretación dos repertorios antigos. E precisamente a fin de facer ao público partícipe desta vivencia, o concerto intercala momentos para a conversa, sen disturbar o discurso e a escoita, senon apenas como acotacións que permiten acceder á música en toda a súa dimensión, melódica, tímbrica e temporal.

Pablo Seoane é pianista e compositor e unha das personalidades musicais máis interesantes do panorama artístico galego actual. Cunha intensa traxectoria concertística de máis de vinte anos, colaborou con moi diversas formacións, xeralmente vinculadas ao jazz e á improvisación libre. Compuxo música para teatro e realizou tarefas docentes en varias institucións. Foi o impulsor das jam-sessions semanais de improvisación libre do café El Puente de Compostela e dos encontros de música e filosofía Pensar a Voces, de Cee. Entre os seus últimos traballos, destaca a gravación do disco Inópia, con Pablo Seoane Trío, e a presentación dos proxectos Festas do Erro e Bestiario Traído, un espectáculo musical e visual baseado no poemario de Apollinaire, musicado por Francis Poulenc. É autor tamén da obra Ventanía para órgano e sitio específico de danza, Mutema, unha peza en tres actos para órgano, contrabaixo e electrónica, ambas estreadas no ciclo De Lugares e Órganos, en Santiago de Compostela, e Parábase, peza en sete actos, composta para os órganos xemelgos de San Salvador de Lourenzá e estreada no contexto do festival Espazos Sonoros. Foi tamén músico residente do ciclo Nexos, organizado pola Cidade da Cultura. En todos estes proxectos está moi presente unha fonda querenza polos temas filosóficos e literarios, e un gusto pola mestizaxe de influencias artísticas diversas, dentro dun marcado e inconfundible estilo persoal.

Obradoiros: O pergamiño Vindel e a música na época de Martin Codax


Que é o pergamiño Vindel? U-la súa relevancia musical? Como soaban as cantigas de amigo? Con que instrumentos se tocaban? Estas e outras preguntas atoparán resposta ao longo destas distendidas e amenas charlas-concerto nas que a conversa alternará coa música ao vivo, para achegarse ao pergamiño Vindel, ás cantigas de Martin Códax, á música dos trobadores e aos instrumentos medievais.


Cartel_Obradoiros.jpg

En 2014 cumpríanse 100 anos da descuberta, polo libreiro Vindel, dun dos monumentos da historia da música, o pergamiño que leva o seu nome, testemuño único da melodía que acompaña as sete cantigas coñecidas do trobador Martin Codax.  A importancia deste documento está no feito de que, sendo coñecidas xa na altura as devanditas cantigas, se descoñecía por completo o son que as acompañaba. Mais non soamente iso, tamén o era calquera outro vestixio que dese idea de como podía soar o corpus da lírica galego-portuguesa de corte profano. 

A chegada a Galicia, por vez primeira desde o casual achado en 1914, do pergamiño Vindel é un momento único para afondar no achegamento a unha época dourada da música e da literatura galegas.

Con esa idea, o grupo Pres de Cambrai, nun formato charla-concerto, emprenderá unha viaxe ao pasado a través da música dos trobadores. Nestes obradoiros interpretaranse variadas mostras da música dos séculos XII e XIII, para o que se empregará unha nutrida colección de réplicas de instrumentos medievais, reproducidos por diferentes obradoiros de artesáns, a partir de fontes como as miniaturas das Cantigas de Santa María, do Cancioneiro de Ajuda ou a iconografía en pedra do Pórtico da Gloria.

Desta maneira, poderémonos mergullar na estética musical da Idade Media, de maneira rigorosa e fóra dos estereotipos comunmente empregados, para contextualizar as cantigas de Martin Codax e, ao tempo, familiarizarse cos instrumentos específicos da época.

O segredo do pergamiño Vindel: 100 anos de música para as cantigas de Martin Codax


Hai agora 100 anos, o libreiro e anticuario Pedro Vindel atopou, cando folleaba un códice do século XIV, que contiña copia manuscrita do tratado de De Officiis de Cicerón, un pergamiño que escondía un escrito en caligrafía gótica. Tratábase da transcrición das sete cantigas de amigo do autor que firmaba, en letras vermellas, no recanto superior esquerdo: o trovador Martin Codax. Se ben o texto das cantigas de Martin Codax era xa coñecido nesa altura, pois foran copiadas en dous cancioneiros italianos, a excepcionalidade do achado estaba no feito de que o pergamiño contiña, ademáis, a notación musical de seis das sete cantigas. A transcendencia deste feito era múltiple, histórica, filolóxica e literaria pero, fundamentalmente, musical. Se ben se tiña idea de como podía ser a música da lírica galego-portuguesa de carácter relixioso, a través das Cantigas de Santa María do rei Afonso X descoñecíase, por completo, como podía soar a lírica profana. 

IMG_7903.jpg

Pedro Vindel tiña un grande interese en que o pergamiño non saise da Península e se fixeron xestións para atoparlle comprador mais, nin a Real Academia Galega nin a Biblioteca Nacional de Madrid se fixeron con el, de maneira que o pergamiño acabou en Upsala, Suecia, até que se lle perde o rastro. O pergamiño “reaparece” a finais dos anos setenta do pasado século, cando foi vendido en subasta pública en Londres á Pierpont Morgan Library de Nova York, sen que as institucións españolas nin portuguesas amosaran interese algún polo documento. 

Segundo as teses do investigador Giuseppe Tavani, as sete cantigas forman parte dun macrotexto, un conxunto unitario no que cada unha das sete cantigas forma parte dun discurso narrativo, un “canto da espera decepcionada”, que vai desde a “confiante esperanza” da muller namorada, até a resignación e a desesperanza. E foi así que, inspiradas pola historia do achado do pergamiño Vindel e as teses de Tavani, nos propuxemos construir, musical e textualmente, un relato que nos adentra no significado máis íntimo dun documento que chegou até os nosos días froito da casulidade e que constitúe un dos monumentos da historia da música e da literatura galega e universal. 

Voz, percusións arpas, organetto e o relato dunha narradora son, xa que logo, os ingredientes que adobiarán e acompañarán a historia do que aconteceu co chamado pergamiño Vindel, testemuño da música que acompaña ás sete cantigas do trobador vigués Martín Codax, nun proxecto no que se recrea, a través da palabra e da música, o relato dos misterios, que durante séculos se agocharon nun pergamiño.

Aprende a escoitar un libro: para unha lectura musical das obras da literatura


“(…) que esta gente tiene pasacalles infusos y guitarra gratisdataera de ver puntear uno y rasgar otros...dolor del brazo que ha de recibir una sangría pasada por chacona y folías". Quevedo, Sueño de la muerte, 1627.

CARTEL.jpg

Algunha vez pensaches que, un libro, ademáis de ser lido, pode tamén ser escoitado? Os libros contan historias e transmiten ideas e coñecemento. Mais os libros agochan tamén un universo de músicas ocultas dispostas para a escoita. So hai que saber buscalas e deixarse levar por elas para abrir novos horizontes á lectura de obras da literatura universal...

Cun formato amena charla-concerto, a actividade ten por fin tanto o fomento da lectura a través da música como a escoita da música a través dos libros. Aprede a escoitar un libro, aportará algúns elementos útiles para a descuberta do rico universo musical agochado nas obras da literatura universal, con especial atención á literatura galega, obras que forman parte dos fondos de calquera biblioteca e agardan a seren “escoitados”.

Literatura e música camiñaron e camiñan xuntas da man, ao longo da historia xerando toda unha serie de interdependencias moito máis fortes e frutíferas do que a cotío se explica nas clases de literatura. Sen a música non é posible comprender gran parte da producción literaria e moitas obras musicais teñen a súa orixe a partir da necesidade ou vontade de musicar poemas ou de poñer música ás obras de teatro. Por iso, a actividade que propoñemos pretende rescatar as músicas ocultas nas letras, aprender a descifrar as claves musicais presentes nos libros, a relacionar os autores coa súa propia bagaxe musical ou o contexto musical no que determinadas obras foron escritas, a escoitar pequenas cancións populares presentes nunha novela, a coñecer a música que acompañaba á poesía, saber a que soan as referencias musicais dunha novela de Thomas Mann ou de Cervantes, ou as cantigas da lírica galego-portuguesa...

Durante a actividade escoitaremos unha escolla de obras interpretadas ao vivo para sacar á luz a música que se agocha nos libros e que agarda ser escoitada.

Desenvolvemento

A actividade consta dunha parte musical con interpretación ao vivo de diferentes obras ilustrativas das interrelacións entre a obra musical e literaria a través dos séculos. Paralelamente, contextualizaranse e comentaranse as implicacións existentes entre música e literatura ao longo dos séculos con referencias explícitas ás obras interpretadas ao longo da actividade, canda outras “curiosidades musicais” da literatura universal.

E todo, dun xeito fiado, distendido, cercano e comprensible para un público amplo.

Galiza Antiga: un programa de música para a normalización da lingua


Cartal_Musica_e_linguaretocado.jpg

Galiza Antiga é un proxecto do interdisciplinario, que constitúe unha orixinal aposta por poñer a música ao servizo da dinamización social da lingua galega, nun ámbito no que esta, aínda está por normalizarse de maneira decidida, establecendo, por fin, unha koiné lingüística propia, estable e asumida globalmente pola súa comunidade.

A partir de contidos musicais que teñen que ver coas músicas da Idade Media e do Renacemento, o programa busca establecer un vínculo entre estas e as contidas nos Cancioneiros da tradición popular galega, amosando toda a riqueza dunha tradición musical que ten as súas raíces na música medieval e na evolución posterior desta até o século XVIII. A idea sobre a que se constrúe o programa é a de interpretar estas músicas dos cancioneiros populares con instrumentos antigos e técnicas doutras épocas históricas, aportando así á música tradicional unhas sonoridades e estéticas arcaizantes. Deste xeito, lógrase unha sorte de folklore retroactivo que contrasta coa sonoridade moderna, case siempre tonal, que é a que se adoita escoitar hoxe en día.

Pártese da base de que a música tradicional galega, coa súa condición monódica e modal, amosa características melódicas e rítmicas moi semellantes á de moitas obras da tradición popular. Desta maneira, unindo a tradición popular galega a unhas sonoridades antigas, que entroncan coa tradición da música dos trobadores da lírica galego-portuguesa e coas músicas da escola galego-castelá, favorécese unha vivencia diferente e positiva da cultura musical, e tamén do idioma galego, ao tempo que se contribúe a profundar na “estima e valorización individual e social do galego e no combate aos tópicos e prexuízos que afectan á súa normalización social”.

Trátase, en definitiva, de escoitar dun xeito normalizado unha lingua e unhas músicas nun contexto pouco habitual, como é o da música antiga e a música chamada académica que, exceptuando o período medieval, apenas deu obras en idioma galego. Neste sentido, e aplicando ao noso proxecto unha das teses do grande sociolingüista francés, Jean-Louis Calvet, referidas ás comunidades político/culturais e aos seus idiomas vernáculos, concluímos que non pode existir realmente unha cultura autorreferenciada e emancipada sen un paralelo proceso de dignificación e normalización do seu idioma en todos os ámbitos, polo que o espazo da música antiga e académica precisa tamén, no noso país, dunha normalización consciente verbo do idioma galego e desenvolvida desde criterios de rigor e excelencia.

2014 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos